26/11/12

Relacionado con la visita guíada que realizamos a Santiago de Compostela



«As Marías de Santiago foron un caso de violencia de xénero»

Lembra nun estudo a historia das irmás Coralia e Maruxa Fandiño e afirma que non se debe facer mofa delas





Áurea Sánchez no monumento das irmás Fandiño, sobre quen presenta este sábado un libro. JORGE RIVEIRO
En 1980 faleceu Maruxa Fandiño e en 1983 a súa irmá Coralia. Eran coñecidas como As Marías, e un monumento na Alameda fai delas personaxes populares. A xornalista Áurea Sánchez fixo unha investigación recente sobre elas, na especialidade Estudios de Mujeres, Feministas y de Género, defendido na Universitat Jaume I de Castellón, e no que contou tamén con apoio da profesora María Xosé Agra da USC. O traballo, editado pola Asociación de Periodistas de Santiago, vai ser presentado mañá, ás 12.00, no Hostal.
-¿Por que unha perspectiva feminista e de violencia de xénero para estudar As Marías?
-Pola metodoloxía e a especialidade investigadora, e porque As Marías foron un caso de violencia de xénero, que nunca se abordou como tal nos documentos que estudei, aínda que algúns refiren como as perseguiron, as maltrataron e posiblemente recibiron violencia institucional cando despois da guerra buscaban os seus imáns, fuxidos e militantes da CNT.
-¿Hai moita documentación sobre elas?
-Está o libro colectivo editado polo Consorcio e coordinado por César Lombera, no ano 2007, moi valioso. Tamén un vídeo-documental de Rivadulla Corcón ou noticias en medios de comunicación, e varias fotografías. É ese o corpus de textos e imaxes que investiguei.
-¿Houbo unha terceira irmá?
-Si, Sara. Antes da Guerra de 1936 saían xuntas e por iso eran coñecidas como As tres marías. Despois da guerra só continuaron os paseos Coralia e Maruxa.
-¿Están ben lembradas no monumento da Alameda?
-Ese monumento foi iniciativa do alcalde Xerardo Estévez no ano 1993. Artisticamente penso que é moi interesante. O que non está ben é a imaxe que ten moita xente, parece que as toman a broma, e que mesmo se desculpa a quen foron os seus agresores. Non se debe facer mofa delas.
-¿A que atribúe iso?
-A que a historia das Marías é unha historia mal coñecida. Nunca lin testemuños delas, e moitas afirmacións que se fan ninguén as verificou. Xente que as coñeceu afirma que só saudaban. Deberon sentir moita soidade e sufrir moito.